27 de julio de 2009

Imelda Barrio: NERA, a ferreira
Ilustracións de Andrés Meixide
Colección Contos da igualdade, 5. A Coruña, 2009



Fai moito tempo, nun afastado reino naceu Nera, a filla do ferreiro, nunha noite especial que hai cada cen anos: as constelacións están aliñadas e reúnese o Consello de Fadas para conceder un desexo a quen naza nela. Deliberaron sobre que desexo lle concederían, repasando os anteriores que concederan (unha voz doce, que se namorase dun príncipe, etc.). Pero as mulleres ás que llelos concederan non foran cumprindo eses desexos tan banais. Entón pensaron noutros: que puidese estudar, que chegase a vivir da ferrería e a ser xefa da forxa, que non vivise obsesionada pola súa imaxe, que fora libre para rexeitar o príncipe valente... Pero como había que elixir un só desexo, acordaron concederlle que cando chegase á maioría de idade decidise ela se quería ser un home ou non, pois só sendo home podería cumprir todos aqueles desexos. Enteirados o seu pai e a súa nai, educárona na igualdade: nin lle compraron vestidos de cor rosa nin a a sacaron do colexio cando cumpriu 11 anos. E, sobre todo, apoiárona nas súas decisións e afeccións nada comúns entre as nenas e nenos do seu reino: cando xogaban ás guerras, as nenas pedían coidar os guerreiros feridos ou ser princesas que esperaban no castelo o regreso dos seus maridos loitadores, pero Nera quería ser capitana. E ríanse dela cando dicía que de maior quería ser ferreira. Cando medrou, tivo moitos pretendentes pois era moi atractiva. Púñaos a proba pedíndolles que a convidasen a comer á súa casa preparando eles o xantar, pero todos suspendían porque era intragable o que preparaban, lles axudara algunha muller, ou non recollían a mesa nin fregaban a vaixela. Outras veces Nera preguntáballes como querían educar aos posibles fillos e fillas... Porque ela quería un COMPAÑEIRO, con maiúsculas. Cando cumpriu 18 anos, as fadas e o reino enteiro agardaban expectantes que decidise converterse en home, pois nin se integraba coas mulleres, nin atopaba esposo por ser tan rara. Mais ela rexeitou cambiar. Pasaron os anos e non só foi ferreira senón incluso a xefa da forxa. E viviu feliz e comeu perdices, que lle guisaba a miúdo o seu COMPAÑEIRO.

No hay comentarios: