27 de julio de 2009

Imelda Barrio: NERA, a ferreira
Ilustracións de Andrés Meixide
Colección Contos da igualdade, 5. A Coruña, 2009



Fai moito tempo, nun afastado reino naceu Nera, a filla do ferreiro, nunha noite especial que hai cada cen anos: as constelacións están aliñadas e reúnese o Consello de Fadas para conceder un desexo a quen naza nela. Deliberaron sobre que desexo lle concederían, repasando os anteriores que concederan (unha voz doce, que se namorase dun príncipe, etc.). Pero as mulleres ás que llelos concederan non foran cumprindo eses desexos tan banais. Entón pensaron noutros: que puidese estudar, que chegase a vivir da ferrería e a ser xefa da forxa, que non vivise obsesionada pola súa imaxe, que fora libre para rexeitar o príncipe valente... Pero como había que elixir un só desexo, acordaron concederlle que cando chegase á maioría de idade decidise ela se quería ser un home ou non, pois só sendo home podería cumprir todos aqueles desexos. Enteirados o seu pai e a súa nai, educárona na igualdade: nin lle compraron vestidos de cor rosa nin a a sacaron do colexio cando cumpriu 11 anos. E, sobre todo, apoiárona nas súas decisións e afeccións nada comúns entre as nenas e nenos do seu reino: cando xogaban ás guerras, as nenas pedían coidar os guerreiros feridos ou ser princesas que esperaban no castelo o regreso dos seus maridos loitadores, pero Nera quería ser capitana. E ríanse dela cando dicía que de maior quería ser ferreira. Cando medrou, tivo moitos pretendentes pois era moi atractiva. Púñaos a proba pedíndolles que a convidasen a comer á súa casa preparando eles o xantar, pero todos suspendían porque era intragable o que preparaban, lles axudara algunha muller, ou non recollían a mesa nin fregaban a vaixela. Outras veces Nera preguntáballes como querían educar aos posibles fillos e fillas... Porque ela quería un COMPAÑEIRO, con maiúsculas. Cando cumpriu 18 anos, as fadas e o reino enteiro agardaban expectantes que decidise converterse en home, pois nin se integraba coas mulleres, nin atopaba esposo por ser tan rara. Mais ela rexeitou cambiar. Pasaron os anos e non só foi ferreira senón incluso a xefa da forxa. E viviu feliz e comeu perdices, que lle guisaba a miúdo o seu COMPAÑEIRO.

25 de julio de 2009

Lecturas Titorías 3º ESO: CARICIAS DE LEÓN

A lectura é unha das formas máis amenas e máis eficaces de ser conscientes. Ás veces os libros que lemos vólvense significativos porque nos fan reflexionar sobre algo que tal vez antes nunca se nos ocorrera pensar, ou porque o seu contido ten unha forte vinculación co mundo real que nos rodea. Leer é recordar, non somente a experiencia allea contada polo autor ou autora sobre "actos ocorridos hai moito tempo" ou "actos recentes dos nosos días", senón tamén a nosa experiencia inconfesada.

CARICIAS DE LEÓN serviunos para abordar o tema da igualdade home-muller tratando de desenvolver o pensamento crítico entorno ao tema da violencia doméstica. O libro consta de dúas partes.
Primeira parte: unha novela de Santiago García Clairac
Diana podería ser máis tolerante e paciente con León. Pero non quere. Non ten porque aguantar. Non está disposta a deixar que o seu suposto noivo lle dea pequenos azotes, por máis cariñosos que sexan. Se a nai de León reaccionase a tempo, agora as cousas serían moi pero moi diferentes...
Segunda parte: unha análise da violencia de xénero e malos tratos
Santago Luque, psicólogo especialista en psicoloxía clínica e da saúde aborda o tema da violencia doméstica desde todos os puntos de vista posibles para que os lectores e as lectoras reflexionen, saquen as súas propias conclusións e poidan decidir.
Podes aproveitar o noso BLOG para facer calquera comentario sobre o libro.